Thursday 09 de May de 2024

A aula CeMIT de San Sadurniño retomará en novembro os cursos itinerantes polas parroquias


As escolas culturais e deportivas municipais xa iniciaron a súa actividade hai uns días. Tamén o fará en breve esa escola dixital que é a aula CeMIT de San Sadurniño, desde onde se lle brinda apoio a entidades e particulares para actualizárense en todo o referido á Internet e as novas tecnoloxías. De feito, un grupo de dez persoas puido entrar en contacto este martes cos drons, a realidade virtual e incluso a programación de aparellos electrónicos, gracias a un obradoiro ofrecido polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia en colaboración coa AMTEGA. A aula de alfabetización dixital retomará en novembro o seu ciclo habitual de cursos itinerantes polas parroquias, centrados no manexo do teléfono móbil intelixente.

O curso é gratuíto e está pensado principalmente para as persoas de maior idade, aínda que nel pode participar quen queira aprender a utilizar o teléfono non só para falar, senón tamén para usar ferramentas tan útiles coma o whatsapp, as videochamadas, Google Maps ou aplicativos relacionados coa saúde ou as emerxencias. É moi recomendable -aínda que non imprescindible- ter móbil con tarifa de datos.

Trátase dunha actividade de iniciación na que se verán aspectos moi sinxelos: os axustes básicos, a seguridade e a privacidade, gardar contactos na axenda, como conectarse a internet e descargar aplicacións, a maneira de reducir o consumo de datos usando unha wifi, etc.

Para facilitar a asistencia, a aula da Rede CeMIT levará o curso polos locais sociais de cada parroquia, sempre os martes e mércores de 10:00 a 12:30h co seguinte calendario por meses e lugares:

Novembro: Santa Mariña do Monte
Decembro-xaneiro: Naraío
Febreiro-marzo: Igrexafeita
Abril: Lamas
Maio: Ferreira
Xuño: Bardaos
Quen queira participar en calquera dos sete cursos que se van ofrecer nos próximos meses -podemos asistir ao doutra parroquia se nos cadra mellor- só ten que contactar con Carmen Suárez, responsable da aula CeMIT, no 616 016 793 ou mandar un correo a cemit.sansadurnino@xunta.gal. Nesas mesmas vías de contacto amplían información sobre o contido da actividade e sobre outras que organiza a aula ao longo do ano.

Obradoiro para entrar en contacto coa vangarda tecnolóxica
Aínda que os cursos itinerantes sobre o uso do móbil comezarán en novembro, a Aula CeMIT xa iniciou a súa actividade tralas vacacións do verán. Unha das primeiras foi un obradoiro creativo sobre aparellos innovadores, ao cal asistiron este martes unha decena de persoas habituais da Aula CeMIT.

Na sesión puideron probar e experimentar con tecnoloxías tan vangardistas como a impresión 3D, lentes de realidade virtual, robots, drons e os kits de electrónica caseira baseados en Arduino e en Raspberry Pi cos que é posible deseñar de maneira moi sinxela circuítos electrónicos para múltiples funcións: domótica, automatización de procesos, sensores de movemento, etc.

O obradoiro estivo organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, no marco do convenio de colaboración que vén mantendo desde hai varios anos coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) para fomentar a inclusión e capacitación dixital da cidadanía.